Exposición O DEBER DO NOVO. Colección de Arte Afundación e Colección MAC, en Madrid
A Colección de Arte Afundación é moito máis que un conxunto de obras. Con máis de cinco mil pezas, é a colección privada máis importante de arte galega contemporánea, ademais de ser un testemuño de importantes nomes da creación española e portuguesa desde o século XIX ata hoxe. Un patrimonio tan singular que a Xunta de Galicia a declarou Ben de Interese Cultural en 2015, recoñecendo así máis de cinco décadas de compromiso coa cultura. Un compromiso que nos leva, do 4 de xuño de 2026 ao 17 de xaneiro de 2027, ao Centro de Cultura Contemporánea Condeduque de Madrid (Rúa do Conde Duque, 9-11) para gozar da exposición «O DEBER DO NOVO na Colección de Arte Afundación. Un diálogo co MAC».
Tomamos prestadas as palabras de Ramón Gómez de la Serna («O deber do novo é o principal deber de todo artista creador») e convertémolas no fío condutor desta exposición. Porque o novo, máis que unha moda, é unha actitude, unha necesidade, unha forma de entender a arte e, con ela, o mundo. Baixo ese espírito, reunimos unha selección de 39 obras de artistas que abordan «o novo» con linguaxes propias: técnicas orixinais, estéticas persoais e unha potencia visual que non deixa indiferente a ninguén. Pintura, escultura, fotografía e pezas audiovisuais conviven nun percorrido que reflicte a riqueza e diversidade da arte contemporánea das últimas décadas.
O que fai especialmente singular esta exposición é a conversa que propomos entre a Colección de Arte Afundación e a Colección MAC. 25 obras da primeira e 14 da segunda, seleccionadas con coidado polas comisarias Paloma Vela Garicano e Roberto García Nieto, encóntranse por primeira vez para revelar vínculos inesperados: afinidades temáticas, resonancias estéticas e linguaxes creativas que se recoñecen entre si e xeran novas relacións. Así, a mística urbana de Bosco Caride dialoga con César Galicia; o expresionismo onírico de José Hernández atopa eco en Alfonso Costa; e a forza cromática conecta Menchu Lamas, Antón Patiño e Broto. Xunto a eles, atopamos nomes como Soledad Sevilla, Daniel Canogar, Pamen Pereira, Eduardo Arroyo, Alberto García-Alix, Susy Gómez, Leopoldo Nóvoa, Manuel Vilariño, Antón Lamazares ou Alfonso Albacete, entre outras autorías fundamentais do panorama artístico nacional.
A proposta formula, en definitiva, un percorrido por unha exposición coa que gozar da liberdade, a creatividade e a personalidade coa que a arte contemporánea reflicte a nosa vida desde unha multiplicidade de áreas, o que achega, simultaneamente, novos refuxios ao noso espírito e contribúe á nosa reflexión máis profunda.
Podes consultar a axenda web e descubrir todas as propostas culturais que che ofrecemos ao longo do mes. Tamén tes acceso á nosa taquilla en liña Ataquilla.com para informarte sobre outras actividades escénicas.